
O rexurdir da natureza
A antiga mina a ceo aberto de estaño chamada localmente “A Foca” lémbranos que as paisaxes transformadas pola actividade humana poden volver á vida, aínda que este proceso require tempo e coidado.
A natureza é resiliente e ofrécenos unha oportunidade valiosa para aprender, protexer e restaurar a nosa contorna.
Un futuro en construción
Este espazo atópase nun proceso de renaturalización pasiva; o ecosistema estase recuperando lentamente, de maneira natural, sen intervención humana directa.
O lugar mostra como un territorio alterado pode transformarse de novo en refuxio para a vida e nunha oportunidade para comprender os procesos de restauración natural.

Ilustración 1: Estado actual da mina A Foca.
A sucesión ecolóxica
A sucesión ecolóxica é o proceso natural polo cal plantas, animais e microorganismos colonizan un espazo novo ou alterado, transformándoo pouco a pouco nun ecosistema máis complexo e equilibrado.
Este proceso pode durar anos ou décadas, dependendo do clima e das condicións locais. A sucesión mostra como a natureza recupera e transforma espazos, creando biodiversidade e equilibrio, mesmo nunha simple cubeta onde se acumula a auga.
Paso a paso a vida ábrese camiño
Ao encherse a cubeta, dentro da auga estancada fórmanse as primeiras comunidades de fitoplancto, que producen osíxeno e serven de base para a vida acuática. Posteriormente prodúcese a colonización por parte de especies de plantas acuáticas pioneiras, que axudan a controlar as condicións da auga e achegan refuxio para pequenos animais.
Nas beiras comezan a medrar plantas adaptadas a solos húmidos e temporais, como xuncos e carrizos, seguidas da aparición de fauna acuática e anfibia: insectos acuáticos, pequenos crustáceos e anfibios chegan para alimentarse e reproducirse. Co tempo, instálanse especies de plantas máis grandes e robustas, como salgueiros novos ou amieiros.
O desafío das especies exóticas e invasoras

Ilustración 2: Exemplar de cangrexo americano (Procambarus clarkii) na Foca.
A man do ser humano introduciu neste espazo dúas especies invasoras que representan un perigo para a biodiversidade: o cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e a perca americana Black bass (Micropterus salmoides).
Ambas son consumidoras voraces que compiten con especies nativas polo alimento e polo espazo, diminuíndo a diversidade funcional.
O cangrexo vermello é unha especie omnívora que se alimenta de material vexetal, invertebrados, peixes e anfibios, e posúe hábitos escavadores que modifican o hábitat. A perca black bass aliméntase principalmente de peixes pequenos, anfibios e outros organismos acuáticos nativos.
Este espazo lémbranos como as accións humanas poden alterar ecosistemas enteiros.

Aves que acompañan a visita
Coa chegada da primavera, este espazo énchese de cor, olor e novos sons, como o do cuco común, o canto dos chamativos abellarucos ou o melodioso arrolo da rula europea.
Outra especie que poderiamos ver durante a época de primavera-verán sobrevoando as proximidades desta peculiar paraxe, coma se dunha cometa se tratase, é a esvelta gatafornela cincenta.
Canto característico da primavera.
Reclamo en voo, audible a distancia.
Arrolo suave e repetido.

Ilustración 3: Á esquerda macho e á dereita femia de cuco común.
O cuco común
Cuculus canorusUnha ave que non cría os seus polos. É unha ave de tamaño medio, estilizada, con cola longa e ás apuntadas. A plumaxe dos machos ten tons grises no dorso, na cabeza e no pescozo, e a parte ventral branca finamente barreada. As femias poden lucir unha plumaxe agrisada ou avermellada.
Cu-cu, cu-cu, bisilábico e repetitivo.
Trino burbullante e moi rápido.
Imita simultaneamente a varios polos famentos.
Vida e comportamento
Aliméntase principalmente de larvas de lepidópteros, escaravellos, saltóns, grilos, miñocas e algún pequeno vertebrado. É migrador transahariano.
Importancia ecolóxica
Regula poboacións de insectos e axuda a controlar pragas como a procesionaria do piñeiro.
Conservación
Catalogado como “Preocupación menor” (LC) na Lista Vermella das Aves de España.
Curiosidades
As femias depositan ata 25 ovos, un por niño, en niños doutras especies. Documentáronse máis de 100 especies parasitadas.

Ilustración 4: Tres fotogramas onde se ve un polo de cuco tirando ovos do niño.
Un comportamento incrible
O ovo do cuco eclosiona antes ca os demais. O polo de cuco, ao nacer, expulsa o resto de ovos ou polos que puidese haber no niño. Detecta calquera peso sobre as súas costas e actívase un reflexo automático: arquea a columna, estende as ás como pas e empurra cara ao bordo ata que o obxecto cae.
Os pais adoptivos non detectan o engano e continúan alimentando o intruso, mesmo cando supera en tamaño a ave que o alimenta.
Na cultura popular, o canto do cuco adoita asociarse co paso do tempo e coa chegada da primavera.

Ilustración 5: Abellarouco europeo. Categoría de ameaza e características.

Ilustración 6: Galerías realizadas por abellarucos (Merops apiaster).
Abellarouco europeo
Merops apiasterO arco da vella alado. É unha ave de tamaño mediano, cunha espectacular plumaxe colorida que combina tons verdes, azuis, amarelos, laranxas e negros. O seu corpo aerodinámico e o seu peteiro longo e curvado están adaptados para capturar insectos en voo.
Pi-pi-pi-prruut, emitido constantemente mentres voa.
Vida e comportamento
Aliméntase principalmente de insectos voadores. Prefire zonas abertas ou semiabertas con terreos areosos ou noiros.
Reprodución
Aniña en galerías escavadas en noiros ou solos brandos, onde a femia pon entre 4 e 8 ovos.
Importancia ecolóxica
É un valioso controlador natural de insectos e pode colaborar no control da avespa asiática invasora.
Respecto
Mantén a distancia! Non molestes as aves nin as súas galerías.

Ilustración 7: Rula europea. Categoría de ameaza e características.
Rula europea
Streptopelia turturO arrolo do vento. É unha ave esvelta, con tons grises, marróns e rosados. Os adultos presentan aos lados do pescozo unha marca de varias bandas transversais negras sobre fondo branco.
Canto suave, profundo, bisilábico e repetido.
Vida e comportamento
Aliméntase principalmente de sementes, grans e pequenos froitos que recolle do chan.
Hábitat
Prefire zonas abertas con árbores dispersas, campos de cultivo, sebes e áreas con auga próxima.
Conservación
Catalogada como “Vulnerable” (VU) na Lista Vermella da UICN.
Curiosidades
É capaz de realizar longas viaxes migratorias de ata 4.000 km e nalgunhas culturas simboliza a paz e o amor.

Ilustración 8: Gatafornela cincenta. Categoría de ameaza e características.

Ilustración 9: Gatafornela cincenta en voo e campaña de conservación.
Gatafornela cincenta
Circus pygargusO elegante acróbata aéreo. É unha rapaz de tamaño mediano, de ás longas, estreitas e relativamente apuntadas. Os machos adultos teñen unha plumaxe gris azulada no dorso, zonas ventrais máis claras e extremos das ás negros.
Vida e comportamento
Aliméntase de pequenos mamíferos, aves, insectos e réptiles. Prefire zonas abertas como campos de cultivo, pradarías, carrizais e matogueira baixa.
Importancia ecolóxica
Regula poboacións de roedores e insectos, axudando a manter o equilibrio natural nos ecosistemas agrícolas.
Conservación
Catalogado como “Vulnerable” (VU) no Libro Vermello das Aves de España.
Curiosidades
Durante a época de cría, os machos realizan voos de exhibición. En zonas cerealistas fanse campañas de salvamento para protexer os niños durante a colleita.
Ficha en PDF
Podes descargar a versión maquetada en PDF para gardar, imprimir ou consultar sen conexión. A versión web inclúe ademais os sons das aves.
Abrir PDF
